Quen somos, de onde vimos, onde imos... 

Tras oito anos picando pedra, isto é, traballando na industria da lousa os irmáns Pablo e Álvaro decidiron cambiar a pedra pola madeira para facer honra á tradición familiar, asi convertéronse na terceira xeración da súa familia que dende o lugar da Toca en Quiroga - Lugo traballan a madeira.

Despois de dez anos a elaborar moble tradicional galego en madeira de castiñeiro, apostando pola materia prima autóctona e de calidade e pola supervivencia do oficio, en 2010, os seus camiños sepáranse, Álvaro decide dedicarse á súa gran paixón: a viticultura e queda á fronte do obradoiro Pablo, en cuxos xenes parece estar impreso o amor pola madeira, tras mais de vinte anos no oficio leva dez traballando en exclusiva con madeira de oliveira, a súa traxectoria profesional encamiñouse cara á elaboración de utensilios de cociña e decoración de xeito artesanal, él é a parte creativa e a alma da nosa empresa.

A última fichaxe do obradoiro é Ana, mantendo o espírito familiar de Artesania Armaior, agora é a muller de Pablo a que súmase a idea de desenvolver un proxecto que mais que empresarial, é de vida, desde a nosa bonita aldea no interior de Lugo, ela é a encargada da administración, a tenda física e online e a xestión das redes sociais de Artesania Armaior.

Pablo de Artesanía Armaior

Queres saber porque nos chamamos Artesania Armaior?

Fronte a nosa pequena aldea da Toca existe un máxico lugar que as xentes chaman Armaior, cerca atópanse os restos dun precioso castro sen escavar, que aínda conserva restos da súa muralla defensiva e que nos transporta a outros tempos nos que nos resulta doado imaxinar aos orixinarios galaicos convivindo cos romanos que chegaron a Quiroga alá polos séculos II -V d.c.; a certeza de que a artesanía está íntimamente ligada co noso patrimonio lévounos a elixir Armaior como denominación, non é pois casualidade que o logotipo do noso obradoiro sexa precisamente un torques (colar ríxido na súa maioría de ouro), inspirado no famoso Torques de Burela (Lugo) que é unha das xoias celtas máis importantes do mundo, obra dalgún antigo mestre ourive, cuxo nome perdeuse no transcorrer dos tempos, e que coas súas mans de xeito artesanal deixou testemuña doutros tempos.